España é o país máis conectado de Europa

Esa é a principal conclusión do Informe da Sociedade da Información en España publicado pola Fundación Telefónica. Canto e dende onde nos conectamos? Comunicámonos máis por WhatsApp ou chamando? Para que usamos internet?

Sabiades que 26,5 millóns de españois acceden regularmente a Internet? 1,45 máis que no 2013. Deles o 78% conéctanse diariamente e, por primeira vez, o 50% das persoas de entre 55 e 64 anos son usuarios intensivos (conéctanse a diario). Ademais, como xa intuiamos, o acceso a internet faise cada vez máis móbil. Por primeira vez, no segundo trimestre de 2014, a facturación de banda larga móbil superou á fixa.

O servizo estrela segue a ser a mensaxería instantánea. O seu uso medrou un 206% nos últimos dous anos ata acadar o 78% da poboación con teléfono móbil. Case igual á chamada ao móbil (empregada polo 82%) como medio de comunicación con familiares e amigos.

Do WhatsApp saltamos ás redes sociais; o seu uso aumentou 3 puntos ata o 67,1%. A franxa de idade na que máis aumenta é a comprendida entre os 45 e os 54 anos que pasou do 43,5 ao 52,3% no 2014. Os que máis se conectan son, lóxico, os adolescentes (91,3%) aínda que, por primeira vez, a porcentaxe cae máis de 3 puntos con respecto ao 2013.

Para que nos conectamos?

Para comprar. No 2014 houbo case 15 millóns de persoas que fixeron algunha compra a través de internet. O comercio electrónico medrou un 29,2% no último ano. A ubicuidade e a xeolocalización dos dispositivos móbiles provocan que os usuarios de redes sociais se convirtan en potenciais compradores online.

Máis alá das compras, o maior crecemento no acceso á rede produciuse por motivos de lecer. Isto explícase polo consumo de vídeo e porque usamos o smartphone e a tablet para consumir contidos dende calquera lugar.

Un dos aspectos máis valorados polos usuarios é a posibilidade de elixir o momento no que se accede aos contidos. Multiplicouse o consumo de películas e series online e España é, por exemplo, un dos países con maior grao de penetración da Smart TV por enriba de Alemaña ou o Reino Unido.

Por último, a Administración tamén foi protagonista na dixitalización da vida do cidadán. O número de notificacións enviadas a cidadáns e empresas pasou de 10,1 millóns no 2013 a 50 millóns en maio do ano pasado.

En Galicia

No caso de Galicia, supérase, por primeira vez, a media do Estado en uso do ordenador e internet na franxa de idade dos 26 aos 44 anos. Máis do 72% dos fogares dispón de ordenador e case un 70% de banda larga. Por outra banda, as microempresas galegas sitúanse na primeira posición en dispoñibilidade de páxina web e na cuarta en participación en redes sociais.

Fonte: osimga.org.

Consulte a noticia