O importante papel das TIC na xestión de residuos

A CEL e Sogama organizaron onte unha xornada sobre as novas tecnoloxías e xestión de residuos, na que, entre outros temas, se explicou o sistema GAIA, que onte comezou a substituír oficialmente ao Sirga para que as empresas galegas cumpran coas súas obrigas ambientais.

O encontro, que estaba dirixido a todo tipo de públicos pero con especial atención a empresarios e emprendedores, contou coas achegas de Fernando Asperilla, xefe do Servizo de Planificación, Prevención e Información da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación da Xunta, e Miguel Varela, xerente da firma gallega Teimas Desenvolvemento SL, única empresa tecnolóxica de España especializada no sector dos residuos.

Asperilla centrouse en explicar os obxectivos e logros acadados polo Sistema de Información de Residuos de Galicia (Sirga), que permitiu axilizar os trámites administrativos para dar cumprimento á normativa, mellorando con iso a calidade da información e reducindo o uso de papel. Na súa intervención, avanzou as particularidades da nova Plataforma Gallega de Información Ambiental (GAIA), creada co obxectivo de crear un único punto de acceso para que as empresas poidan cumprir coas súa obrigas medioambientais ante á Xunta e que substitúe con data de onte ao Sirga. Sinalou que debido aos cambios lexislativos e á adaptación de novas figuras á Lei de Residuos, o Sirga quedouse tecnoloxicamente obsoleto.

Proxecto Teixo

Pola súa banda, o portavoz de Teimas falou do proxecto Teixo, un software dispoñible en Internet que xa está sendo utilizado por uns 150 centros de España para axilizar os trámites administrativos que require a xestión de residuos. A implantación das TIC no ámbito dos residuos é aínda moi baixa debido a que se trata dun sector tradicional, pequeno, moi heteroxéneo e pouco tecnolóxico que está afectado por gran cantidade de lexislación, carecendo de software específico e asequible. De feito, menos do 10% por cento das empresas teñen solucións software especializadas e só o 60% das administracións públicas dispoñen de ferramentas de desenvolvemento tecnolóxico, circunstancia que, en todo caso, limita a trazabilidade dos residuos.

A temática elixida nesta ocasión pola CEL e Sogama obedece ao feito de que o papel das TIC é hoxe incuestionable na resolución de problemas, podendo estas ter un impacto positivo sobre o medio ambiente e, por tanto, desempeñar unha función relevante no ámbito da economía circular, contribuíndo a un uso máis eficiente dos recursos e a enerxía.

Por este motivo, a progresiva implantación das tecnoloxías da información e a comunicación no sector dos residuos traerá consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais que as empresas do sector deben aproveitar para propiciar unha xestión máis sostible, garantindo así so seu crecemento, produtividade e compromiso coa contorna.

Consulta a noticia